Hoxe facemos un percorrido que reúne todos os elementos para ser unha ruta de éxito; paisaxes preciosas, arquitectura palaciana; igrexas románicas e barrocas e cruceiros dignos de ver. Por se fora pouco, a ruta é ademais literaria; pois moitos dos lugares que recorreremos foron escenarios da vida e da obra dunha das grandes escritoras da literatura española, Emilia Pardo Bazán; escritora, xornalista, tradutora, editora, condesa, feminista… O que ven sendo unha muller libre e adiantada ao seu tempo.
Casa dos Quiroga, O Carballiño Placa na casa dos Quiroga Praza Maior Praza Emilia Pardo Bazán Camiño real a Mesego
O seu paso pola comarca do Carballiño debeuse ao seu casamento temperá ,con só dezaseis anos, co carballiñés José Quiroga Pérez de Deza; un fidalgo pertencente a unha familia sen títulos nobiliarios pero cun inmenso patrimonio difícil de cuantificar … A partir dese momento, a escritora vai pasar longas tempadas nas propiedades que os Quiroga posúen na comarca; na casa familiar dos Quiroga no centro urbano, que case parece estar presidindo a praza maior da vila que foi escenario da súa obra El cisne de Vilamorta, e tamén no Pazo de Banga , que Emilia denominou o Balcón do Ribeiro, a donde acudían a finais do verán co gallo das festas da vendima…
Empezamos a nosa ruta guiados por un grupo de membros do Centro de estudios Chamoso Lamas cos que nos reunimos na Praza Maior do Carballiño; xusto en fronte da Casa dos Quiroga, de cuxos soportais pende unha placa na que se indica que alí residiu a escritora Emilia Pardo Bazán nas tempadas de verán… Iniciamos a nosa andaina pola rúa principal que leva o nome doutra escritora galega,Rosalía De Castro, en dirección sur ata a praza que a vila lle adicou a Emilia Pardo Bazán , na que aparece un busto da escritora, e algo máis adiante unha placa bastante deteriorada cunha mensaxe que se puxo en memoria das vítimas da violencia de xénero: “Amo máis non teño amo” da poeta Carmen Blanco.
Casi en fronte desta praza estaría o vello casino da vila que tamén aparece descrito na obra. A que logo foi a Casa do Soto é a día de hoxe un solar baleiro…



Saímos do centro urbano pola rúa Calvo Sotelo e metémonos pola rúa que hai entre o colexio Calvo Sotelo e Casa da Cultura ( Rúa camiño Calviño), transitando esta vez por un camiño real en dirección á Igrexa románica de Mesego (Igrexa de Santa María de Mesego) … Despois de visitar a igrexa e o cemiterio de Mesego, seguimos o noso camiño cara Sagra onde se atopan as igrexas de Sagra a man esquerda, e pola dereita a de Bouteiro; que por problemas de tempo non puidemos visitar; pero dixéronnos que a súa visita é altamente recomendable… Seguimos o noso percorrido ata chegar ao pobo de Banga ; onde nos atopamos coa primeira escola pública da zona que foi construída cos cartos que viñan da emigración, dos fillos de Banga en Bos Aires; é unha escola que foi renovada varias veces pero que conserva ben a estructura do edificio, aínda que xa non esté en activo…


Seguimos por Cima de Vila, onde podemos ver outros pazos que pertenceron a familia dos Quiroga e que agora están totalmente reformados. Por un camiño de pedras ( o camiño vello) chegamos ao Pazo de Banga onde acudía Emilia e a familia do seu home durante o verán …Un pazo con un gran escudo presidindo a fachada e cun balcón con vistas impresionantes dos viñedos construídos en socalco. Tristemente o pazo non está restaurado nin ben coidado, o que é una auténtica pena, ou non…porque pode ser que así manteña aínda máis viva a memoria do pasado.





Seguimos a nosa ruta hacia a Igrexa de Santa Baia, Santa Eulalia de Banga, onde a escritora asistía á misa, e visitamos tamén o Panteón Familiar dos Quiroga; xusto en fronte da porta principal da igrexa. Alí repousan os restos de José Quiroga, marido de Emilia Pardo Bazán , xunto co seu irmán Eduardo , que foi o herdeiro do Gran Balneario do Carballiño, e outros membros da familia…



Para rematar a nosa andaina do mellor xeito posible, chegamos ao pobo de Cabanelas por un camiño que parece formar parte do camiño Miñoto O Ribeiro ; onde descubrimos unha cruz nun valado do ano mil oitocenos e pico… En Cabanelas pasamos pola igrexa, que loce con moi boa estampa, suspendida sobre as terrazas… e visitamos a adega dun pazo que tamén pertenceu a familia dos Quiroga, en Belvís. Unha adega que ademais de manter moitas cubas antigas, cheira como as adegas de antes … E como non; aproveitamos para disfrutar das vistas e deixámonos cautivar pola fermosura da paisaxe de Cabanelas coas viñas empezando a agromar.



Lonxitude total: 6 kilómetros
Tempo estimado: Unhas catro horas
Dificultade: Baixa
Recomendacións: Levar calzado cómodo e cámara de fotos
Curiosidades: O Pazo de Banga permanece pechado, a foto do seu interior foi sacada por un burato da porta.
So me queda agradecerlle ao Centro de Estudios Chamoso Lamas por guiarnos neste roteiro e o Concello do Carballiño por colaborar en actividades tan interesantes e disfrutables coma esta, para conmemorar o Centenario da Morte de Emilia Pardo Bazán e metela dentro dos actos deste ano para a celebración das Letras galegas.
Todas as fotos e os comentarios pertecen a autora do blog ,agradécese calquera rectificación.
Magnífica entrada, Rocío. Vilamorta… non sei… a ti gústache o nome?
Me gustaLe gusta a 2 personas
Grazas! 🙂 No século XVIII tiña que haber moita diferenza entre as cidades e a vida no rural… Ela viña de vivir en cidades con máis actividade e ademais aquí só coñecida á familia do seu home… É bastante comprensible que o pobo a aburrira. Por outro lado a xente do Carballiño tiña a mentalidade de vila daqueles tempos… Coñecín a unha señora que xa morreu, que me contou que a súa nai era modista e iba a coser á casa da Pardo Bazán e comentaba que a súa nai lle dicía que Dona Emilia era moi descocada e que andaba polos bares bebendo cos homes… Porque daquela os bares eran para os homes. Pode que ninguén llo dixera á cara, porque era condesa e a ver quen lle tusía… pero tampouco estaría feliz sentíndose observada como un bicho raro … Tiña que vir noutros tempos!! 😉
Me gustaMe gusta