Pegadas de Galicia na Habana 🐾

Manda carallo na Habana… outra vez 17 de Maio!  O día máis importante do ano para as letras galegas, e ademais e dende hai un tempo;  día festivo en GaliciaO día das letras galegas píllame este ano escribindo sobre Cuba, custoume empezar a organizar as ideas desta última gran viaxe… pero por fin,  pouco a pouco estou tratando  de relatar como foi o noso percorrido de descubrimento polas terras cubanas…

Centro Galego da Habana

Palacio Centro Galego de la Habana

 

A relación entre Galicia e a Habana, que aínda é palpable  a día de hoxe… naceu dunha gran conexión entre ámbalas dúas culturas.

Fai tempo, vin unha reportaxe de Xosé Neira Vilas na que falaba da emigración galega en Cuba e en especial na Habana, contaba que el despois de pasar uns anos en Bos Aires, considerada daquela a quinta provincia galega, pois alí residían máis galegos que en calquera das outras catro, decidiu marchar cara a Habana coa súa muller para fundar a editorial Follas Novas. Naquela reportaxe preguntábanlle se non resultaba estraño fundar unha editorial en galego na Habana,  ó que e respondeu que non era ningunha novidade, pois na Habana xa existían  varias editoriais galegas , como EMC ou NOVA… Neira Vilas,  fundou asemade unha distribuidora de libros en galego para América,  e dicía que el que escribía en galego, sempre se sentira apoiado .

IMG_20160924_174429

Cruceiro na praza de San Francisco de Asis. Habana, Cuba.

 

Lembraba Neira Vilas que a emigración a Cuba fora unha emigración importante, en Cuba chegou a residir un terzo da poboación galega, tamén na Habana naceu o Himno Galego e a Bandeira Galega que soou por primeira vez no Centro Galego. El movíase no ambiente cubano, facía investigacións sobre Manuel Murguía e Rosalía de Castro na Habana e  e vía como a xente, moitos deles fillos ou netos de galegos mostraban curiosidade e interese pola súa raizame.

Conta tamén que as relacións entre cubanos e  galegos foron as mellores da emigración ,  describe os cubanos como xente entrañable e agarimosa  que se compenetraba perfectamente nas Sociedades como a Rosalía de Castro ou a Concepción Arenal… Á diferencia con Arxentina, onde se facían chistes de galegos,  polo mero feito de que cando os galegos  chegaban a Bos Aires falaban mal o castelán, e os arxentinos pensaban por isto que eran torpes… (aínda non sabían que cando te desenvolves con dificultade nunha lingua, significa que tamén podes falar noutra, o cal  supón sempre unha vantaxe) os cubanos aceptaron esa diferenciación con curiosidade e respecto e  deu lugar a unha perfecta integración, como en ningún outro país.

Din que incluso na Guerra de Independencia Cubana, foron moitos os galegos que loitaron pola independencia de Cuba porque a vían xusta e comprometéronse na loita con aquela xente modesta e solidaria;  contan que algún deles até chegou a xeral.

Á nosa chegada á Habana, unhas das primeiras visitas da cidade foi o Palacio  Centro Galego de la Habana; un edificio impoñente,  situado mesmo ó lado do Capitolio e hoxe convertido no Gran Teatro da Habana e que alberga o Teatro García Lorca. O Centro Galego foi dende a súa inauguración no ano 1880 un dos máis importantes centros culturais de toda América; estaba dividido en tres seccións; Academia de Belas Artes, Academia de MúsicaO Plantel Concepción Arenal: onde se daban clases de primaria e idiomas,  clases diúrnas e nocturnas  de comercio. taquigrafía, corte e costura… etc.

DSC03403

Camiñando pola Habana aparecen outras importantes pegadas galegas; como  o cruceiro obra de Enrique Velasco e elaborado pola escola de canteiros de Pontevedra,  que adorna a praza de San Francisco de Asis. O cruceiro que é un dos elementos máis significativos da iconografía galega, aparece perfectamente integrado na praza habanera. Non lonxe deste cruceiro, podemos ver unha inscrición en pedra nunha fachada próxima  co poema de Rosalía “Adios ríos adios fontes…” do libro Cantares Gallegos. E tamén na Habana Vella topamos cun restaurante onde servían empanada galega, que por certo pouco tiña que ver coa nosa 😉

É doado atoparse pola rúa con descendentes de galegos. O caso máis curiosos que topamos, foi o de dous homes de avanzada idade que o pasar nos  preguntaron de onde éramos, e logo contáronnos que eles estiveran traballando en Galicia ; un en Vigo e o outro en Cangas pero finalmente, retornaron para súa terra. Hai algo tamén de morriña nos cubanos, que os fai moi parecidos a nos.

IMG_20160924_174700

Rapaces ensaiando unha muiñeira na Habana, Cuba.

 

Pero sen dúbida algunha, se algo impresiona máis estando fora da terra, ademais de toparnos cun bar onde sirvan Estrella Galicia, ou ouvir falar a un neno en galego… iso é o son da gaita! Camiñar pola Habana Vella e empezar a sentir o son  da gaita repicando, xera unha serie de sentimentos indescritibles que só nos entendemos, e xa sabedes de que vos falo…  😉

Aló onde estedes: Feliz día das letras Galegas a tod@s! 😉

 

Anuncios